A lingua galega no software libre

lingua galega

Autor da imaxe: Antón Varela [cafecongotas.net]

Unha das grandes diferenzas que atopamos entre o software liberado baixo unha licenza libre, e o software privativo, é o uso do galego na interface de usuario. Froito da posibilidade de acceso e modificación do código fonte, é que multitude de voluntarios participan na tradución de software libre cara o galego.
Unha das primeiras sorpresas que atopa un usuario que se inicia no uso de ferramentas libres, é que o seu ordenador pode comunicarse con el na súa lingua, o galego. E sobre todo é unha maneira de manter vivo o idioma, ao contar coa posibilidade de utilizar ferramentas coma os correctores ortográficos, ademais de acostumarse a utilizar de xeito correcto os nomes de diferentes elementos que utilizamos a diario nos nosos equipos.
Moito do traballo feito ata o momento ten detrás a un grupo de tradutores galegos que se organizan baixo o colectivo Trasno. Creado no ano 1999, leva traducidos centos de aplicativos que usan acotío miles de usuarios, coma por exemplo,  LibreOffice, Mozilla Firefox, Ubuntu, WordPress, KDE, Gnome, etc.
As motivacións que levan a unha persoa a adicar parte do seu tempo á tradución de software son moi variadas, pero destaca en todos eles, a paixón que senten pola lingua, e por introducila nun sector que estivo (e está en parte) dominado polo inglés.
Coma sempre, dende aquí animamos a que as persoas interesadas en axudar contacten connosco, ou ben con Trasno, para poder colaborar en todo o traballo que queda por facer para que a nosa lingua siga presente nos nosos dispositivos. Calquera usuario que saiba utilizar un ordenador, e posúa coñecementos de inglés e galego, pode converterse nun voluntario. En todo caso, calquera tipo de axuda sempre é benvida cando estamos a falar de traballos colaborativos.

Colaboración en CERNE.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *