Campaña de reciclaxe de ordenadores usados

reciclaxe_ordenadoresASETEM e MeLiSA asinarán a próxima semana un convenio de colaboración que permitirá recuperar ordenadores obsoletos, co obxectivo de poñelos a disposición de empresas e usuarios. Esta iniciativa busca facilitar o acceso ás novas tecnoloxías, e ao mesmo tempo, difundir o software libre en diferentes ámbitos da comarca.

O proxecto consiste en recoller equipos informáticos vellos, ou que xa quedaran desfasados, e proceder á súa revisión e actualización con programas libres, para poder poñelos a disposición de empresas, traballadores autónomos, ou colectivos sociais que os precisen. Poderá colaborar calquera persoa ou colectivo, do xeito que máis lle interese.

O punto de recollida do material está situado na sede de ASETEM, na rúa Lino Sexto Sánchez, en Melide.

Unha vez entregado o material, MeLiSA faise cargo da revisión e reparación do equipo, así como da instalación e configuración dos programas que sexan necesarios. Farase a instalación dun sistema operativo libre (GNU/Linux), e daquelas ferramentas máis axeitadas para o traballo que teña que desenvolver no lugar de acollida.

O colectivo prioritario como receptor destes equipos serán os socios de ASETEM, pero queda aberta a posibilidade de ampliar cara outros sectores, coma por exemplo, familias que precisen dun ordenador para ser utilizado por algún dos seus membros en idade escolar.

 

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *