Cuarta edición do programa «Software libre nos centros penitenciarios de Galicia»

Os/as voluntarios/as de Melisa iniciaron o mes pasado de setembro a cuarta edición do programa de difusión e formación en tecnoloxías libres nos centros penitenciarios de Galicia.

Este programa de actividades arrancou no ano 2013 como parte das actividades que leva a cabo dito colectivo para a difusión das tecnoloxías libres a diferentes sectores sociais da nosa comunidade. Nestes últimos anos foron realizadas diferentes actividades en cada un dos centros penitenciarios de Galicia, así como nos centros CIS de Vigo e A Coruña.

Na presente edición, estanse impartindo sesións formativas no centro penitenciario de Monterroso co obxectivo de formar aos participantes na configuración, montaxe e mantemento dunha rede local xestionada con sistemas operativos libres.

Un grupo reducido de internos está recibindo clases prácticas impartidas polos voluntarios de Melisa, Rafael Rodríguez e Miguel Rodríguez, nas que poden coñecer os pasos necesarios para instalar un sistema operativo libre nos equipos da aula, así como a súa configuración dentro da rede local. Todos estes talleres teñen un carácter totalmente práctico, para que poidan adquirir os coñecementos necesarios para o seu posterior mantemento da infraestrutura sen precisar apoio externo. Son os internos os que preparan o cableado necesario, canalizano a través da aula, para conseguir conectar todos os equipos ao concentrador central (switch). Unha vez que a rede local estea operativa, vaise engadir a dita rede un dos servidores que foi cedido pola AMTEGA o ano pasado, e que se encargará de realizar algunha das funcións máis típicas dun equipo destas características; servidor de ficheiros, xestión de usuarios, aula virtual, impresión en rede ou servidor web.

Coa colaboración de:

Esta actividade forma parte das actividades que Melisa realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *