“Vimos a necesidade de introducir tamén no interior de Galicia os movementos de promoción do SwL”

“Pola miña propia experiencia, decateime de que o software privativo te anula como profesional”

Rafael RodriguezMelisa, a Asociación de Software Libre de Melide, é un grupo de veciños desta localidade que comparten a súa afección polas novas tecnoloxías e que certo día decidiron asociarse para organizar actividades a prol da difusión do software libre. Foi concretamente en decembro do pasado ano, cando o seu presidente, Rafael Rodríguez, adiantaba timidamente na rolda de correos dos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL) a nova da constitución da asociación; mais non foi ata este mes de abril cando Melisa se presentou oficialmente coa I Semana do Software Libre de Melide.

Mancomún falou con Rafael Rodríguez sobre estas xornadas e os obxectivos cos que se creou a asociación.

Como xorde a iniciativa para crear Melisa?

En certa medida, foi un tema persoal meu, derivado un pouco da miña propia experiencia profesional como distribuidor de software. Pero tamén dun grupo de amigos que, aínda que non estaban directamente vencellados ao mundo da informática, si que son amantes, en xeral, do coñecemento. Vimos a necesidade de que todo este movemento de difusión do software libre que se está a levar a cabo por toda Galicia se introducise tamén no interior. En Melide non hai grandes industrias, é un contorno rural, pero crimos que tamén podiamos facer algo, igual que xa estaban a facer outros grupos de usuarios.

Coñeciades logo o labor que estaban a facer en Galicia outros GGUL?

Si, a través de Mancomún. Mancomún para nós foi o punto de partida para empezar a coñecer outros movementos. Despois, consultando as novas da web e o seu calendario de eventos, puidemos asistir a algunha actividade nas Pontes, en Vilagarcía… Insisto en que Mancomún para nós foi o nexo e, por iso, antes de constituír a asociación decidimos contactar co Centro para ver que se estaba a facer, e, a partir de aí, comezar a madurar a idea.

Resultou positivo o contacto?

Totalmente positivo e necesario.

Pero ti falas tamén da túa experiencia profesional. A que te refires?

Antes tiña unha tenda, con empregados e moito máis traballo. Distribuïamos software privativo. A raíz desa experiencia decateime dos problemas que supoñía distribuír aplicativos de x fabricante de software. En canto que ti non es máis que un membro máis da cadea que non achega ningún tipo de valor co teu traballo, cando realmente si poderías facelo, xa que adquiriches unha formación previa. O software privativo anúlate como profesional. Calquera podía ser o teu competidor con que tivese un pouco máis de labia. Entón decateime de que ese software non era para min, porque eu tiña que poder solucionarlle algún problema ao meu cliente, que el me vise como un elemento diferenciador no mercado.

Pero pensas que o cliente percibe realmente esa diferenza?

Claro, pero teslla que facer ver. Cando o cliente pida algo ti tes que darllo e non lle podes dicir que non. O máis habitual no software privativo é que che digan: “non, é que iso non se pode facer”. Pero en informática… qué é o que non se pode facer? Nada. Todo é cuestión de tempo ou orzamento. O cliente vai saber que traballas con software libre porque llo vas poder facer mais co software privativo terás que xustificarte dicindo que non se pode facer porque ou ti non sabes ou ao fabricante non lle interesa.

Visto así… Pensas entón que se descoñece o software libre?

Supoño que o coñecemento é pouco, pero tanto por parte dos clientes como dos distribuidores. Tamén é certo que o software libre require máis formación, máis esforzo e máis tempo para coñecelo, así que o máis doado é o camiño do privativo. O fabricante xa se encarga de todo e ti só tes que proporcionarllo aos clientes. Pero isto é unha cadea na que a longo prazo vas saír perdendo, xa que pode suceder que chegue un momento, no camiño de integración dunha solución a un cliente, na que o fabricante tome a iniciativa de solucionarlle os problemas ao teu cliente. Entón o cliente dirá “entón ti que é o que fas?”

Por iso presentastes as vantaxes de software libre aos empresarios no marco da I Semana do Software Libre en Melide?

A idea era presentarnos e comezar a divulgar o uso do software libre, que é o obxectivo da asociación. Pero para iso quixemos abordar varias frontes, non só a empresarial senón tamén a educativa e a do fogar. Así, estivemos o luns no IES de Melide onde fixemos unha presentación do software libre e do Galinux e coa que obtivemos unha resposta moi positiva por parte dos alumnos, e tamén do profesorado.

ctividades de oficina e para iso contamos con José Limeres, da empresa BoraTelecom, que fixo unha presentación sobre AbanQ, o antigo FacturaLux.

Por último, o fin de semana estivemos na V Foliada de Melide, na que habilitamos unha caseta de exposición onde demos a coñecer as características do software libre a través do Galinux e dunha alfombra de Stepmanía. Ademais tiñamos dous equipos para que a xente que quixese probar as tecnoloxías abertas o fixera. A pesar de tratarse dun contorno que non era realmente tecnolóxico, senón máis ben musical e artesanal, conseguimos unha resposta moi positiva.

E entre estes tres ámbitos, sobre cal pensas que se debería incidir?

Na miña opinión na educación. Os nenos están no momento de ter as cousas un pouco máis ou menos claras. Está claro que unha persoa que está nunha franxa superior aos 45-55 anos, sobre todo se é empresario, é menos propenso aos cambios. Entón, na educación é onde existe a posibilidade de que as vindeiras xeracións non volvan equivocarse como o fixemos nós. E para iso hai que implicar a todos os axentes que están na educación, especialmente ao profesorado.

Tedes algunha actividade en mente neste sentido?

O único que temos previsto a curto prazo é facer un taller de Joomla en Arzúa e quizais algunha outra actividade sobre algún aplicativo libre que poida impartir algún dos socios. Esa é a nosa idea ata que en setembro ou outubro retomemos as iniciativas en educación.

Arzúa… Cal é o voso ámbito de acción?

Estamos nunha zona estratéxica en canto que estamos case no centro de Galicia. Limitamos con dúas provincias máis con Lugo e Pontevedra; e dende Santiago ata Lugo, e dende Betanzos ata Lalín non hai outra poboación tan grande coma a de Melide. O noso radio de acción é de case 50 qm. á redonda. Evidentemente non somos capaces de abranguer tanto neste momento pero estamos falando de que nuns 10 ou 12 concellos limítrofes con Melide podemos facer algunha actividade. Tampouco queremos ir moito máis alá do que poidamos facer.

 

Fonte: mancomun.org

Entrevista realizada por Irene Touriño.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *