Titulo III

Título III. Órganos de goberno e representación

Capítulo I. Réxime Xeral

 

Artigo 14.

A Asociación rexerase segundo os presentes estatutos, sempre que os seus contidos non se opoñan ás leis nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario.

 

Artigo 15.

O goberno e a representación da Asociación están a cargo dos seguintes órganos:

  1. A Asamblea Xeral de socios, como máximo órgano de goberno da Asociación.

  2. A Xunta Directiva, como órgano colexiado en quen a Asamblea delega o goberno permanente da Asociación.

  3. O presidente, o vicepresidente, o secretario e o tesoureiro, como órganos unipersonais e con funcións de goberno e de representación determinadas polos estatutos.

 

Capítulo II. Da Asamblea Xeral

Artigo 16.

A Asamblea Xeral é o órgano de expresión da vontade da Asociación, estará formada por todos os asociados e tomará os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna. O Presidente e o Secretario da Asamblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 17.

A Asamblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acordar a Xunta Directiva, o considerar o Presidente ou o soliciten o 20% dos socios. Neste último caso, realizaráse por medio de escrito dirixido ao Presidene, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, en que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 18.

A Asamblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres meses seguintes do cerramento do exercicio. Tanto a Asamblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo Presidente/a da Xunta Directiva, enviándose a notificación aos asociados mediante o medio aprobado pola asamblea.

Na convocatoria han de aparecer o lugar, data e hora da xuntanza, así como a orde do día con expresión concreta dos temas a tratar e os anexos que foren necesarios. Tamén ha de sinalarse a hora da segunda convocatoria, que, como mínimo, terá que ser media hora despois da primeira convocatoria.

Artigo 19.

Para que as Asambleas poidan tomar acordos, estarán constituídas polos asociados asistentes, sempre que concorra un terzo do total dos asociados con dereito a voto na primeira convocatoria ou, pasado o prazo estipulado, con calquera número de asociados con dereito a voto en segunda convocatoria.

Artigo 20.

Os socios poderán outorgar a súa representación, a efectos de asistir ás Asambleas Xerais, en calquera outro socio. Tal representación outorgaráse por escrito, e deberá obrar en poder do Secretario da Asamblea polo menos media hora antes de se celebrar a sesión.

Artigo 21.

Serán competencias da Asamblea Xeral Ordinaria:

  1. Examinar e aprobar as contas e o balance do exercicio.

  2. Decidir sobre a aplicación concreta dos fondos dispoñibles.

  3. Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

  4. Aprobar o Regulamento de Réxime Interno da Asociación.

  5. Fixar as cotas ordinarias ou extraordinarias.

Artigo 22.

Serán competencias da Asamblea Xeral Extraordinaria:

  1. Elección dos membros da Xunta Directiva.

  2. Federación con outras asociacións.

  3. Modificar os estatutos da Asociación.

  4. Acordar a disolución da Asociación.

  5. Ratificar a expulsión de socios proposta pola Xunta Directiva.

  6. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca dos bens sociais.

  7. Solicitar a declaración de asociación de utilidade pública.

  8. Aquelas que, sendo competencia da Asamblea Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade non poidan esperar á súa convocatoria sen grave prexuízo para a Asociación.

  9. Todas as non conferidas expresamente á Asamblea Xeral Ordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 23.

Os acordos tomaránse por maioría simple das persoas presentes ou representadas cando os votos afirmativos superen aos negativos, non sendo computables os votos en branco nin as abstencións. Será preciso maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, que resultará cando os votos afirmativos superaren a metade destas, para os apartados comprendidos entre o 2) e 7) do artigo anterior, e maioría de dous terzos cando se trataren decisións afectadas polo punto 8) do artigo anterior. A continuación, levaránse os acordos ao libro de Actas, que asinará o Presidente e o Secretario da Asamblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asamblea Xeral e aprobada por maioría simple.

Artigo 24.

Os acordos que vaian en contra destes Estatutos ou dos fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asamblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, ficará aberta a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Capítulo III. Da Xunta Directiva

Artigo 25.

A Asociación será xestionada e representada por unha Xunta Directiva formada polos cargos de Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e un Vogal.

Todas as persoas que compoñen a xunta directiva deberán ser asociados, maiores de idade e exerceren o cargo de forma gratuíta. Os cargos serán designados e renovados pola Asamblea Xeral Extraordinaria e o seu mandato terá unha duración de 2 anos, podendo ser reelexidos ao final do seu mandato.

O presidente poderá designar un número ilimitado de vogais extraordinarios co acordo da xunta directiva electa. Estes vogais extraordinarios terán voz, pero non voto, na xunta directiva. Estes vogais participarán por períodos de 1 ano de duración sendo renovables.

Artigo 26.

Os cargos da Xunta Directiva poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, por incumprimento das obrigas que tiveren encomendadas e/ou por expiración do mandato. Neste último caso, continuarán nos seus cargos ata o momento en que se produza a aceptación de quen os substitúan.

Artigo 27.

As vacantes que se puideren producir na Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación da mesma ata que a Asamblea Xeral elixa os novos membros ou confirme nos seus postos os designados nun prazo máximo de 30 días.

Artigo 28.

A Xunta Directiva reuniráse con carácter ordinario unha vez cada trimestre e con carácter extraordinario cantas veces o determinar o Presidente/a ou a petición de tres dos seus membros.

A convocatoria realizaráse como mínimo con dous días de antelación mediante correo electrónico no que se recollerá a orde do día. No caso de ausencia inxustificada de calquera membro da Xunta Directiva por tres veces consecutivas, procederase á súa destitución. A Xunta Directiva quedará constituida cando asista a metade máis un dos seus membros con dereito a voto, e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría de votos. No caso de empate, o voto do Presidente/a será de calidade.

Artigo 29.

As facultades da Xunta Directiva estenderánse, con carácter xeral, a todos os actos propios das finalidades da Asociación, sempre que non requiran, segundo estes Estatutos, autorización expresa da Asamblea Xeral. En particular, son facultades da Xunta Directiva:

  1. Dirixir actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos contratos e actos.

  2. Convocar as Asambleas Xerais e executar os acordos nela acadados.

  3. Formular e someter á aprobación da Asamblea Xeral o Plano de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como a Memoria de xestión correspondente.

  4. Formular e someter á aprobación da Asamblea Xeral o Orzamento do exercicio, así como os Balances e as Contas anuais do exercicio pechado.

  5. Resolver sobre a admisión de novos asociados.

  6. Crear Comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades ou recadar das mesmas as informacións necesarias. A cargo destas Comisións poderase designar un membro da Xunta Directiva.

  7. Nomear delegados para determinadas actividades da Asociación.

  8. Interpretar os Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno e velar polo seu cumprimento.

  9. Ditar normas de funcionamento non contempladas no Regulamento de Réxime Interno.

Capítulo IV. Órganos unipersonais

Artigo 30.

O/A Presidente/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostentar a dirección da Asociación, velando polo cumprimento dos seus fins.

  2. Representar legalmente a Asociación ante toda clase de organismos públicos ou privados.

  3. Convocar, presidir e levantar as sesións da Asamblea Xeral e da Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións que nelas se produciren.

  4. Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas, certificacións e correspondencia.

  5. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha da Asociación aconselle ou no desenvolvemento das súas actividades resulte necesaria ou conveniente, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

Artigo 31.

O/A Vicepresidente/a asumirá as funcións que nel/a delegue o/a Presidente/a, substituíndoo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 32.

O/A Secretario/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostentar a dirección dos traballos administrativos da Asociación.

  2. Custodiar e levar os libros de actas e de rexistro de socios/as, documentos e selos da Asociación.

  3. Estender as convocatorias e as actas das reunións, ademais de expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente/a.

  4. Comunicar sobre a designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles nos Rexistros correspondentes, así como a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente corresponden.

Artigo 33.

O/A Tesoureiro/a terá as seguintes atribucións:

  1. Ostentar a dirección dos traballos de xestión económica da Asociación.

  2. Custodiar e levar os libros de contabilidade e os inventarios, así como todos os documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.

  3. Preparar os Orzamentos, as Contas anuais e os Balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asamblea Xeral.

  4. Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación.

  5. Dar cumprimento ás ordes de pago que expida o/a Presidente/a.

Artigo 34.

Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así como as que se deriven das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta Directiva lles encomendar. O vogal máis novo presente substituirá ó Secretario en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Be Sociable, Share!