|
Venres, 08 Marzo 2013 08:41 |
|
Unha das grandes diferenzas que atopamos entre o software liberado baixo unha licenza libre, e o software privativo, é o uso do galego na interface de usuario. Froito da posibilidade de acceso e modificación do código fonte, é que multitude de voluntarios participan na tradución de software libre cara o galego. Unha das primeiras sorpresas que atopa un usuario que se inicia no uso de ferramentas libres, é que o seu ordenador pode comunicarse con el na súa lingua, o galego. E sobre todo é unha maneira de manter vivo o idioma, ao contar coa posibilidade de utilizar ferramentas coma os correctores ortográficos, ademais de acostumarse a utilizar de xeito correcto os nomes de diferentes elementos que utilizamos a diario nos nosos equipos. Moito do traballo feito ata o momento ten detrás a un grupo de tradutores galegos que se organizan baixo o colectivo Trasno. Creado no ano 1999, leva traducidos centos de aplicativos que usan acotío miles de usuarios, coma por exemplo, LibreOffice, Mozilla Firefox, Ubuntu, WordPress, KDE, Gnome, etc. As motivacións que levan a unha persoa a adicar parte do seu tempo á tradución de software son moi variadas, pero destaca en todos eles, a paixón que senten pola lingua, e por introducila nun sector que estivo (e está en parte) dominado polo inglés. Coma sempre, dende aquí animamos a que as persoas interesadas en axudar contacten connosco, ou ben con Trasno, para poder colaborar en todo o traballo que queda por facer para que a nosa lingua siga presente nos nosos dispositivos. Calquera usuario que saiba utilizar un ordenador, e posúa coñecementos de inglés e galego, pode converterse nun voluntario. En todo caso, calquera tipo de axuda sempre é benvida cando estamos a falar de traballos colaborativos.
Colaboración en CERNE.
Ler 0 comentarios... |
|
Venres, 21 Decembro 2012 15:24 |
|

A nosa asociación está levando a cabo unha actividade de divulgación do software libre en varios colexios de primaria da nosa comunidade. Dita actividade está enmarcada dentro do convenio asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e da cal xa se levan executado un total de cinco actuacións nas catro provincias galegas.
A peza artística está formada por un prólogo e tres actos. Execútase de xeito dinámico, caracterizado a xeito de palabras, ilustracións e sons. O público infantil, completa a posta en escena coa súa interacción a través das cancións, conformando todo elo un espectáculo de diferentes medios que ten unha duración aproximada de 50 minutos.
O obxectivo que se pretende é o de achegar o concepto do software libre a través dunha actividade próxima aos rapaces desas idades. A obra xira arredor dunha persecución entre unha gatiña e o Conde Rato, o cal recibe unha mensaxe da súa namorada, a ratiña Melisa, que non da aberto por estar gardada en formato privativo. Nese momento é cando aparece Mr. Free para resolver o problema gracias ao uso de programas libres. O pingüín Mr. Free é unha referencia evidente á mascota do Linux, Tux.
A obra é creación de Juan Carlos Vázquez, as ilustracións son obra de Iria Parras, e na execución participan José Manuel Canosa (contrabaixo), Intres Fotografía, na fotografía e vídeo, e Juan López Quintás e Jorge Lama como colaboradores. A coordinación corre a cargo do presidente de Melisa, Rafael Rodríguez Gaioso.
Patrocina:
   
Ler 0 comentarios... |
|
Xoves, 15 Novembro 2012 17:01 |
|
Hoxe iniciouse a divulgación do "Informe de valoración do software libre 2012", que realiza anualmente o portal de software PortalProgramas.com. Neste ano máis de 5.000 persoas de España e Lationamérica participaron na enquisa realizada por este portal. Os resultados do estudio poden consultarse a través das seguintes ligazóns:
Este informe trata de dar resposta a varias das cuestións que plantexamos respecto da valoración do software libre por parte dos usuarios domésticos: coñecen o software libre?, está extendido o seu uso?, confían nel?... Algunhas das conclusións:
- Disminúe nun 10% o número de usuarios que confunde software libre con software gratuíto. Un importante avance.
- O coñecemento do software libre en Latinoamérica mellorou o dobre con respecto ao ano pasado.
- O 55% dos usuarios de Android coñecen ben o software libre, superando só lixeiramente aos usuarios de Windows.
- Tan só un 4% máis de usuarios de software libre prefire Firefox antes que Chrome.
PortalProgramas é unha canle de descargas e artigos sobre software con case que un millón de usuarios rexistrados e máis de 320 millóns de descargas realizadas. Nos seus máis de 8 anos de vida, destaca por ofrecer descargas gratuítas e legais, así como un apoio claro do software libre. Ler 0 comentarios... |
|