O IES de Melide pásase ao software libre

O IES de Melide está migrando o seu equipamento informático cara sistemas abertos.

Segundo nos comenta o Coordinador TIC do centro, Xan García Carballo, o proxecto de migración iniciouse hai dous anos, e na actualidade hai máis de 90 ordenadores que xa posúen unha versión de Ubuntu Abalar. Todas as aulas de docencia contan cun equipo portátil con este sistema instalado, así coma as salas de informática, incluídas as do ciclo de madeira.

A acollida por parte do alumnado é moi positiva, e non atopan ningún atranco para realizar as tarefas que lles esixen os seus profesores. Os cales, por certo, amósanse algo máis reticentes aos cambios provocados pola migración dos sistemas operativos cara o software libre.

As vantaxes que atopan ao utilizar Ubuntu, son varias, entre as cales destacan: a maior seguridade nos equipos, ao evitar a entrada masiva de virus informáticos e programas espía, a rapidez coa que se inician e apagan os equipos, e o non poder instalar programas de intercambio de ficheiros que poñen en risco a seguridade dos datos almacenados nos ordenadores.

O proceso de migración continuará nas próximas semanas, mudando o sistema operativo dos ordenadores da biblioteca.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *