O próximo sábado, 24 de agosto, preséntase o Trivial da Terra de Melide

presentacion_trivial_grandeO próximo sábado, 24 de agosto, ás 20:30h, terá lugar na capela de San Antón a presentación oficial do xogo Trivial da Terra de Melide.

O Trivial da Terra de Melide é un proxecto iniciado no ano 2011 e no que se traballou sobre todo durante o ano 2013. Consiste nun xogo para móbiles e tabletas con sistema operativo Android e está composto por 200 preguntas referentes ao medio, á cultura e a sociedade, ao arte, á historia e aos personaxes celebres dos concellos de Toques, Melide e Santiso (100 preguntas de Melide, 20 de cada un dos campos sinalados) 50 de Toques e 50 de Melide ( 10 de cada un dos campos sinalados).

O obxectivo deste xogo é buscar un fomento educativo das novas tecnoloxías e tamén dar a coñecer a historia o arte, etc. da nosa bisbarra dun xeito ameno.

Está dirixido en xeral a todos os habitantes destes tres concellos por verse reflectido nel, pero nada impide que quen queira coñecer algo mais de Melide, Toques e Santiso o poidan descargar. A súa descarga faise a través da tenda de Google Play e é gratuíta.

O SNL da Terra de Melide tratará de involucrar especialmente o alumnado dos colexios públicos de Toques, Melide e Santiso e máis o IES de Melide para que lle dean un uso intensivo, para isto organizáranse campeonatos entre eles ao longo dos vindeiros cursos escolares .

Este xogo está pensado para entre un e catro xogadores e para que todos eles xoguen no mesmo aparello. É dicir, vanse pasando o móbil ou a tableta uns aos outros segundo a quenda.

O funcionamento do xogo é moi sinxelo: unha vez que está descargado nun teléfono móbil ou nunha tableta con SO Android, o xogador atoparase cun menú que pon: xogar, mellores puntuacións e créditos. Na pantalla créditos aparece o nome dos responsables do xogo e indícase que o desenvolvemento da aplicación foi subvencionado pola Secretaría Xeral de Política Lingǘística da Xunta de Galicia. Na pantalla mellores puntuacións aparecerá o nome dos dez mellores xogadores ou xogadoras, é dicir, das persoas que durante o xogo acertasen mais preguntas e polo tanto acadasen mais puntos. Na pantalla xogar o xogador ou a xogadora ten acceso ao xogo en si. Para comezar terá que anotarse cun nome de usuario co que posteriormente aparecerá na pantalla mellores puntuacions en caso de estar entre os dez primeiros.

Unha vez que se introduciu o nome de usuario haberá que facer xirar un dado (dentro da aplicación, non fisicamente) para decidir quen empeza o xogo (empezara quen acade o numero máis alto do 1 ao 6). As preguntas son aleatorias (de calquera campo e de calquera concello) . Se se acertan dez seguidas chegarase a meta e entón terase que acertar unha pregunta de cada campo (cinco en total). Se acerta as cinco preguntas seguidas ese xogador e o gañador e se non acerta algunha desa serie comeza o seguinte xogador que inicia a súa partida. O anterior xogador queda na ultima pregunta acertada. O que resulte gañador recibe unha felicitación.

O deseño da aplicación correu a cargo da empresa Aplicaciones y Redes. As preguntas que aparecen no Trivial da Terra de Melide foron elaboradas de xeito altruísta polo seu presidente Xesús Freire López. Para elaboralas serviuse de artigos de xornais, de libros como o Terra de Melide, dos boletíns do Museo da Terra de Melide… foron de moita axuda, ademais as entrevistas persoais e as achegas do alumnado dos colexios dos concellos de Melide, Toques e Santiso.

Xesús Freire López quérelle agradecer especialmente a Xosé Manuel Broz, director do Miuseo da Terra de Melide, a axuda prestada. Sen os boletins do Museo da Terra de Melide e sobre todo sen contar cos seus traballos monográficos sobre Melide, Santiso e Toques, dificilmente o Trivial da Terra de Melide podería ser máis que un proxecto.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *