Segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia”

cpteixeiro2.jpg_1095795777O colectivo de usuarios de software libre da Terra de Melide, MeLiSA, iniciou a semana pasada no Centro Penitenciario de Teixeiro, a segunda edición dos “Talleres tecnolóxicos e software libre nos cárceres de Galicia”.

Arranca deste xeito a formación en tecnoloxía e software libre que comezamos o ano pasado nos cinco centros penitenciarios, e dous CIS, de Galicia. O obxectivo principal deste proxecto é levar aos internos dos centros un curso de formación para que poidan coñecer as características principais dos programas informáticos que se liberan baixo unha licenza libre. Os contidos dos cursos, adáptanse aos recursos dispoñibles en cada centro, así como ao perfil dos internos. No centro de Teixeiro está a ser impartido un curso de alfabetización dixital e reparación de equipos con GNU/Linux dirixido aos internos do módulo de respecto, e o módulo de mulleres. Nos Centros de Inserción Social (CIS), os internos desfrutan dun réxime aberto que lles permite acudir a unha aula da rede CeMIT, onde poderán recibir unha formación complementaria do uso de diferentes servizos dispoñibles a través de internet (correo electrónico, busca de emprego, uso básico de redes sociais, etc.)

Salvador Tabarés, voluntario de MeLiSA é o responsable do taller que rematará o próximo 16 de xullo no centro penitenciario de Teixeiro. Outros voluntarios como Rafael Rodríguez e Miguel Bouzada serán os encargados de impartir os talleres en A Lama e no CIS de Vigo, respectivamente.

Para os meses de setembro e outubro están programados o resto de talleres nos centros de A Lama, Pereiro de Aguiar, Monterroso e Bonxe, así como nos CIS de A Coruña e Vigo.

Esta actividade, forma parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, conta coa colaboración e apoio do equipo de Voluntario Dixital.

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *