Socios de Melisanto informatizarán as súas explotacións con AinfoVac

ainfovac-melisantoDespois da xornada de difusión levada a cabo por MeLiSA e Ainfogra, varios socios da Cooperativa Melisanto mostráronse interesados en incorporar a aplicación AinfoVac na xestión das súas explotacións.

O pasado xoves, 19 de abril, a Cooperativa Melisanto levou a cabo unha xornada de difusión da ferramenta informática AinfoVac, que xestiona tódolos procesos dunha explotación agrogandeira. Esta xornada contou coa colaboración da Asociación de Usuarios de Software Libre de Melide, e foi impartida por José Manuel Campos, director técnico de Ainfogra (Aula de Informática Agraria).

Un total de 15 socios e socias da Cooperativa puideron observar o funcionamento desta aplicación. AinfoVac xestiona toda a información que circula dentro dunha explotación, dende o control de gastos e ingresos, ata a xestión veterinaria do gando vacún, pasando pola conexión remota ao Control Leiteiro para envío e recepción de datos. Recentemente incorporouse un módulo que se pode instalar nun teléfono móbil con sistema Android, para a toma de datos ao lado das vacas, ou nas fincas que se estean traballando.

As persoas presentes na xornada mostráronse moi interesadas en incorporar esta aplicación na xestión das súas granxas, e formarán un grupo para poder asistir a un curso práctico, onde xa se explicará máis a fondo o uso desta ferramenta. Todas aquelas persoas interesadas en asistir a esta formación, e que non puideron asistir a esta xornada de presentación, poden poñerse en contacto coa Cooperativa Melisanto para integrarse dentro deste grupo.

AinfoVac, é unha aplicación distribuída baixo licenza libre (GNU/GPL), e pódese obter de forma gratuíta dende a páxina web ainfogra.com. O curso que se imparta dende a Cooperativa tamén terá carácter gratuíto para os socios.

 

Be Sociable, Share!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *